domingo, 21 de septiembre de 2014

Presentación do nº 18 da revista CEDOFEITA


A asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez acaba de sacar á rúa o número 18 da revista do mesmo nome. A publicación, que conta con 64 páxinas, ofrece unha gran diversidade de artigos sobre diferentes temas.
No apartado de historia conta coa colaboración do historiador Anselmo López Carreira que escribe sobre a configuración da Galicia histórica, repasa os distintos avatares que a afectaron, tanto no territorio como na súa entidade política; un apartado gráfico con diversos mapas contribúe a unha maior comprensión do exposto no artigo. “Agricultores de Salcedo” é o título dun artigo de Xosé Álvarez no que se trata, polo miúdo, a historia da sociedade de agricultores desta parroquia pontevedresa dende os sucesos do Campo da Porta (1894) ata o golpe de estado de 1936; ademais dos feitos máis importantes da historia societaria achéganos nomes e biografía dos dirixentes máis destacados. Mario Gallego lembra aos mártires de Carral e conta como, a través da poesía e o teatro, se amosan os valores da chamada revolución do 46.
Isidoro González rememora un dos conflitos veciñais máis soados que tivo Lérez nos últimos anos: a carga policial contra os veciños no monte das Pías. Na orixe dos feitos estaba a postura veciñal de opoñerse ao paso da condución eléctrica para a depuradora de augas, en tanto non se cumprisen, por parte do concello, os acordos asinados con anterioridade.
O Suído é unha das serras máis representativas da nosa provincia, dotada de interesantísimos lugares de alto valor ambiental e paisaxístico así como etnográfico. Juan Soto adéntranos nas terras do Suído facendo un completo estudo dunhas construcións singulares como os chozos, utilizados polos pastores que coidaban o gando. O artigo complétase cunha espectacular serie de fotografías que completan o texto.
Benigno García preséntanos as vivencias dos anos da infancia coa relación entre os rapaces e a xunqueira; o seu artigo “Nós, os rapaces, e a xunqueira” é un compendio etnográfico sobre usos e aproveitamentos das xunqueiras, xogos e diversións, a pesca das anguías nas pozas, as entalladas, anécdotas, etc. Tamén sobre a xunqueira, pero centrándose nos aspectos ambientais e na súa consideración como espazo natural de interese local, o biólogo Vítor Cabaleiro cóntanos o estado actual da xunqueira do Alba ou da Gándara e analiza as diversas propostas existentes en canto á xestión de humedais.
O músico Juan M. Canosa achéganos un relato biográfico no que a música foi sempre o centro; a través do artigo van aparecendo orquestras e músicos que configuraron a Pontevedra musical dos últimos anos. Tamén ten carácter autobiográfico o espazo “De conversa” con Carmen Barragáns, unha loitadora da vida.
A xornalista Vera-Cruz Montoto escribe un documentado artigo no que analiza o Acordo Transatlántico de Comercio e Inversión (ACTI) e as regras do goberno mundial das empresas transnacionais; as consecuencias que para a cidadanía mundial poden ter as medidas derivadas do acordo están presentes nestas páxinas así como diversas referencias para que as persoas interesadas amplíen información. Eligio González dá a coñecer a figura dun dos máis importantes filántropos do contorno, o “indiano” Manuel Barreiro Cabanelas e a súa obra benéfico.educativa.
Teresa Fraga, veciña de Lérez, protagonista da curtametraxe “Dúas Letras”, revélasenos como escritora de poemas dos que nos achega unha mostra á que acompañan ilustracións de Montse Castro. “A Maleta” é un texto teatral de Manolo Ayán no que se retrata, de xeito desesperanzado a situación da xuventude na actualidade.
Completan o número seccións habituais como a de Humor, adicado ao “Ollomóbil”, Novos cultivos, actividades e un repaso ás exposicións de Cedofeita nos vinte anos da súa existencia.
O vindeiro xoves, día 25 de setembro, na Casa da Cultura de Lérez, ás oito e media da noite terá lugar a presentación da revista coa intervención de diversos colaboradores. O acto é de entrada libre ata completar o aforo.